Ora Galega e a Deputación da Coruña amosan o legado das Irmandades co autobús tecnolóxico iFala
luns, 23 de maio do 2016
A lingua e cultura galegas e as novas tecnoloxías
volven achegar froitos de colaboración interesantes a través do
autobús iFala, iniciativa-vehículo itinerante que se vén de
botar a estrada (o pasado 20 de maio) co obxectivo de achegar ao
público o legado das Irmandades da Fala co engadido extra de facelo
“con linguaxes e medios novos”. Detrás deste roteiro atópanse
Ora Galega e máis a Área de Cultura da Deputación da Coruña, que
contan coa
colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística. O bus
abrangue, entre outras cousas relativas á celebración dos cen anos
das Irmandades, unha exposición de seu, unha aplicación móbil,
unha páxina web e unha canción interpretada en clave colectiva
(Poetarras, De vacas, Sés, Isabel Risco, Leo e David Amor, entre
outros e outras).
Elvira Souto, Carlos Quiroga e Moncho do Orzán (por
Ora Galega) e a vicepresidenta e responsable da área de
Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, presentaron este venres
na o proxecto iFala na Dársena da Coruña, primeira parada da rota
que emprende esta iniciativa itinerante que percorrerá cidades e
vilas do país “espallando a dimensión e a modernidade das
Irmandades da Fala”.
Goretti Sanmartín, na presentación, felicitou a
Ora Galega polo deseño do proxecto e aproveitou a oportunidade para
facer un chamamento á cidadanía e convidala a que se “embarque”
no autobús nas súas paradas e estadías, onde a veciñanza estará
en disposición de achar que “as Irmandades son algo vivo e que,
como di a lenda do proxecto, hai fala”, sinalou.
Moncho do Orzán, de Ora Galega, lembrou que a
exposición ofrece “unha liña do tempo desde os Mártires de
Carral ata o golpe de 1936” cunha información básica que se pode
completar no aplicativo e máis na páxina de iFala. Elvira Souto,
pola súa banda, salientou a colaboración de asociacións e outras
entidades que contribúen de distintas maneiras á materialización
do proxecto, desde a cesión de libros ata a organización de
eventos nas distintas cidades e vilas. O escritor e profesor Carlos
Quiroga rematou as intervencións destacando que iFala anova algo
“que ten un século mais mostra unha vixencia alucinante. Ficamos
nós mesmos emocionados co produto”, defendeu.
O domingo o autobús dirixirase a Betanzos para
visitar Ferrol, Ourense, Santiago, Lalín, A Estrada, Lugo,
Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilalba, Vilagarcía de Arousa e
Viveiro serán outras das citas do proxecto itinerante iFala.
Asociacións, editoriais e outras entidades colaboran na iniciativa,
entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación
Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A
Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento
e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociación
Socio-Pedagóxica Galega , Confederación Intersindical Galega,
Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Editorial
SEPT, Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, Mesa pola
Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e Sociedade
Cultural Medulio, Ferrol.
Vídeo musical para a promoción desta iniciativa
