Os Almorzos TIC Talk do CITIC analizan como o funcionamento do noso cerebro pode impulsar a IA
martes, 24 de febreiro do 2026
O CITIC da Universidade da Coruña acolleu esta mañá unha nova edición dos AlmorzosTIC Talk, un espazo de divulgación e debate dedicado á tecnoloxía e á innovación. Nesta ocasión, a investigadora Ana Ribas foi a encargada de impartir a charla titulada But… what is an astrocyte?, centrada na conexión entre neurociencia e intelixencia artificial.
Segundo explicou , as redes neuronais artificiais naceron co obxectivo de comprender mellor o funcionamento do cerebro, e tradicionalmente a investigación centrouse nas neuronas como elementos clave do sistema nervioso. Porén, os avances en neurociencia demostraron que non eran as únicas células implicadas no procesamento da información.
En particular, a investigadora lembrou que os astrocitos, células do cerebro que durante moito tempo se consideraron simples “axudantes” das neuronas, teñen en realidade un papel activo no procesamento da información, participando na computación neuronal: regulan como se transmite a información entre unha neurona que envía o sinal (presináptica) e outra que a recibe (postsináptica). “Ao modular esa transmisión, inflúen directamente na intensidade, no ritmo e na eficacia da comunicación neuronal, contribuíndo así á dinámica coa que o cerebro procesa a información”, sinalou.
Grazas á inspiración deste mecanismo biolóxico, cada vez máis investigadores e investigadoras incorporan astrocitos artificiais en arquitecturas de aprendizaxe profunda. Estes mecanismos funcionan como un sistema de “axuste fino” do cerebro artificial. Así, “no canto de cambiar a forma ou a estrutura da rede, o que fan é modificar a intensidade das conexións entre as súas neuronas segundo a actividade que van tendo; así, se certas conexións se usan moito e dan bos resultados, refórzanse; se non son útiles, debilítanse”.
Grazas a este axuste continuo, a rede pode adaptarse a novas situacións e aprender da experiencia sen necesidade de ser redeseñada por dentro.
A investigadora recordou tamén que en diferentes probas e aplicacións prácticas, este enfoque demostrou que os sistemas gozan de meirande estabilidade e son máis eficaces no seu rendemento.
Durante a charla, Ana Ribas presentou o papel biolóxico dos astrocitos, conectouno con principios fundamentais da organización cerebral e expuxo evidencias experimentais que ilustraron o potencial dos astrocitos artificiais no desenvolvemento de novas solucións en intelixencia artificial.
