Hai un mes filtrábanse imaxes que daban a entender que Chrome OS ía gozar en breve de aplicacións para Android, e no marco do Google I/O confírmase tal información, e anuncian oficialmente que as aplicacións de Android chegarán aos Chromebooks ao longo do presente ano, ampliando así o ecosistema de Google Play, e espallando a dispoñibilidade das aplicacións, o que permitirá a creación de novos escenarios de uso e mellorará fluxos de traballo por parte dos usuarios deste tipo de equipos, tanto en uso persoal, como profesional ou educativo.
Para dar este paso dende Google convidan aos desenvolvedores de aplicacións para Android que comproben o seu funcionamento baixo Chrome OS, para así poder optimizalas para que poidan aproveitar as bondades das que gozarán as aplicacións de Android nos Chromebooks, como funcionar en 3 diferentes tamaños de fiestra (permitindo así unha mellor experiencia), o uso simultáneo de varias aplicacións en fiestras movibles, o traballo conxunto de diferentes métodos de entrada (pantalla táctil, teclado e rato), a recepción de notificacións de Android en Chromebooks, a compartición de ficheiros entre Android e Chrome, e incluso o goce de aplicacións esixentes (como os xogos) cun rendemento excelente.
Os administradores de sistemas que funcionen con Chrome OS poderán utilizar as mesmas ferramentas de xestión para as aplicacións de Android que para as de Chrome, de xeito que poderán indicar as aplicacións que queren permitir na súa flota de equipos ou incluso poden instalar remotamente as aplicacións que consideren oportunas. Precisamente estas facilidades son as que están a facer que os Chromebooks lograsen superar aos portátiles de Apple nos EE.UU. durante o primeiro trimestre do anoconfirmando que estamos ante unha solución que aínda que no ámbito doméstico non se vexa como ordenadores de verdade, en certos contornos resultan moi prácticos pola súa seguridade e facilidade de xestión.
Os Chromebooks poderán correr aplicacións para Android
Compartir Este Artigo
