Os Consellos Sociais da UDC e a USC lanzan AddVenture 2026 co apoio do CITIC
mércores, 25 de febreiro do 2026
Os Consellos Sociais da UDC e a USC lanzan AddVenture 2026 e fano apostando pola IA como ferramenta esencial para emprendedores. Trátase dun programa universitario de emprendemento e innovación que na súa cuarta edición inclúe formacións prácticas e mentoring aplicadas ao desenvolvemento de proxectos emprendedores baixo o enfoque learning by doing (aprender facendo).
Amais, incorpora un obradoiro práctico no CITIC para crear demos/prototipos de proxectos de negocio con intelixencia artificial empregando linguaxe natural e sen necesidade de experiencia previa en programación.
A iniciativa está impulsada polo Consello Social da UDC e o da USC coa colaboración de TeamLabs, laboratorio de aprendizaxe en emprendemento da Mondragon Unibertsitatea. Está deseñado para acompañar persoas emprendedoras no desenvolvemento real dos seus proxectos a través dun curso práctico e de aplicación directa no seu propio proxecto, empregando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN (Liderado Emprendedor e Innovación), que se realiza en TeamLabs/, e o enfoque learning by doing.
Combina formación, mentoring e traballo en rede para que as persoas participantes poidan avanzar na súa proposta de negocio ou transformala, mellorar a súa estratexia e desenvolver o proxecto a través de competencias en dixitalización, vendas e liderado.
Este programa gratuíto, financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e da USC, ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións en liña e encontros presenciais puntuais para favorecer a aprendizaxe práctica e a interacción con persoas expertas.
O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de abril a través da web do programa e conta con 30 prazas.
AddVenture diríxese a persoas emprendedoras (persoas graduadas e posgraduadas universitarias, profesionais, persoas autónomas, microempresas e persoal investigador de universidades galegas e do resto de España) que queren impulsar unha idea ou un proxecto cun enfoque práctico, acompañado e orientado á execución.
Nesta edición priorizaranse proxectos vencellados aos seguintes ámbitos de coñecemento: Enxeñaría, Arquitectura e Tecnoloxías Dixitais; Saúde, Benestar e Envellecemento Activo; Sostibilidade e Economía Circular; Turismo Intelixente, Patrimonio e Economía Cultural; Humanidades Dixitais e Innovación Social; e Emprendemento Científico e Transferencia de coñecemento, orientado a transformar resultados de investigación en solucións de valor económico e social.
Novidades 2026
AddVenture incorpora nesta cuarta edición un enfoque tecnolóxico transversal reforzado por un ciclo de clases maxistrais tecnolóxicas aplicadas, orientadas a conectar emprendemento, tecnoloxía e contexto actual. Entre as temáticas previstas inclúense o emprendemento con impacto, o uso da IA na investigación con persoas usuarias e a identificación de nesgos en sistemas de IA.
No eido económico-financeiro, AddVenture 2026 inclúe un novo módulo de Finanzas Avanzadas e proxeccións económicas para afondar na construción de escenarios e métricas no desenvolvemento dos proxectos emprendedores.
Como acción formativa previa e destacada, incorpora un obradoiro presencial orientado á creación de demos/prototipos de ideas ou proxectos de emprendemento con IA empregando linguaxe natural, sen depender dun equipo técnico nas fases iniciais, algo que segundo a UDC “pode axudar a reducir custos de desenvolvemento ao comezo do proxecto”.
O obradoiro celebrarase no Centro de Investigación en TIC da UDC (CITIC), contará cun máximo de 45 prazas e será impartido polos expertos Daniel Alías e Álvaro Sánchez.
Formación con TeamLabs/
O claustro de profesorado estará integrado maioritariamente por docentes e persoas expertas vinculadas a TeamLabs/, laboratorio referente pola súa metodoloxía de aprendizaxe baseada no emprendemento en equipo e no learning by doing. A metodoloxía céntrase na aprendizaxe práctica a través da creación de empresas e proxectos reais, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades e competencias.
Desde o seu lanzamento, AddVenture formou a máis de 75 persoas emprendedoras e impulsou máis de 30 proxectos.
