Os LG Gram de 2025 utilizan como reclamo a IA

martes, 31 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles LG Gram están a presentar xa a súa liña para 2025, que destaca pola súa integración da intelixencia artificial en local (gram chat On-Device), de xeito que poderán servir para tirar proveito da IA cando non teñamos acceso á Rede. Outro interesante reclamo destes equipos é que incluirán un ano de subscrición do servizo de intelixencia artificial na nube gram chat Cloud, que funciona coa tecnoloxía de GPT-4o.
Os novos portátiles de LG tamén chegan coas últimas xeracións de procesadores de Intel (incluíndo versións que poden considerarse Copilot+ PC), así como tamén contan con modelos equipados con gráficas nVIDIA GeForce RTX 4050, adaptándose a numerosos perfís de usuario en función das súas necesidades, primando sempre a mobilidade, xa que estes equipos destacan sempre polo seu peso contido e a súa impresionante autonomía.
Entre os primeiros modelos desta nova xeración estarían o básico LG gram Book, o LG gram Pro 2-in-1 con pantalla de 16 polgadas e modelos LG gram Pro de 16 e 17 polgadas. Afondando nas especificacións podemos destacar, por exemplo, o modelo 16Z90TS, que contará con procesador Intel Core Ultra 5/7/9, até 32 GB de RAM LPDDR5X, até 2 TB de SSE (NVMe de 4ª xeración), gráfica Intel Arc, pantalla de 16 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, webcam Full HD con infravermellos para recoñecemento facial, 2 portos USB 3.2, 2 portos USB 4 (tipo C), HDMI 2.1, batería de 77 Wh e un peso de só 1.239 gramos.