Os Nokia Lumia 630 e 635 achegarán Windows Phone 8.1 ao grande público

mércores, 2 de abril do 2014 Marcus Fernández

O Nokia Lumia 930 é o móbil que vai servir para amosar o mellor de Windows Phone 8.1, pero Nokia tamén quere levar tal experiencia de uso a dispositivos a prezos económicos, que poidan chegar a un grande público, e como nova proposta en tal dirección comezará a vender en maio os Nokia Lumia 630 e Nokia Lumia 635, que collerán o relevo do Lumia 520, pero mellorando extraordinariamente prestacións e prezo, tendo moitas bazas para converterse nuns dos móbiles que máis venderán a nivel mundial na segunda metade do ano.
Unha das grandes novidades do Nokia Lumia 630 será a posibilidade de adquirilo nunha versión con dobre SIM, posibilidade ausente ata o momento en terminais con Windows Phone, e que coa versión 8.1 será posible dun xeito moi intelixente de xestionar, con baldosas específicas para cada unha das tarxetas SIM e incluso coa posibilidade de marcar na axenda de contactos a SIM coa que quere chamarse a un destino en concreto (facendo doado separar o uso persoal do profesional do móbil). Estes móbiles serían 3G, mentres que o Lumia 635 será a versión 4G deste terminal (carecendo de versión con dobre SIM). Pese a estarmos ante terminais moi completos, os seus prezos serán de 119 euros para o Lumia 630 normal, 129 euros para o modelo de dobre SIM e 149 euros para o Lumia 149 euros (aínda que non o veremos nas tendas ata o verán), de xeito que a distancia coa familia Nokia X sería extraordinariamente reducida (o Nokia XL véndese a 109 euros).
Estes novos móbiles contará cun procesador Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb), pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, cámara traseira de 5 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, radio FM, batería de 1.830 mAh, un grosor de 9,2 milímetros e un peso de 134 gramos.

Stephen Elop amosou a intelixente solución adoptada por Microsoft para dotar de dobre SIM aos móbiles con Windows Phone 8.1


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 630

PUBLICIDADE