Os Premios TIC Galicia recoñeceron tecnoloxías a prol do noso medio

martes, 6 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Gustavo Gómez, socio director de Bahía Software, recollendo o galardón

A semana pasada tivemos chuvia de recoñecementos ao traballo tecnolóxico ben feito, os Premios TIC Galicia entregados na Coruña polo Clúster TIC e a LaconNetwork, e unha das cousas que quedaron claras foi o alto nivel acadado pola nosa innovación dixital. Entre as iniciativas distinguidas atopábase unha achega da que xa temos falado en Código Cero, salientando as súas posibilidades para un país de bosques coma noso, o proxecto uForest, desenvolvido pola empresa Bahía Software coa colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.
O proxecto, que recibiu o premio Innovación I+D+i, ten como obxectivo a creación dunha plataforma tecnolóxica que permita a captura, procesado e sincronización de datos forestais e de vexetación para o seu visualizado e análise en procesos de toma de decisión cara ao sustentábel, o intelixente e o rendíbel. Do que se trata, de feito, é de xerar e acubillar información, nunha única plataforma, para facer cos bosques o mesmo seguimento racional e eficiente que se aplicaría nunha Smart City. Así, se nas Cidades Intelixentes téntase protexer a calidade de vida dos habitantes por enriba de calquera outra consideración, nos bosques xestionados con uForest tentaríase protexer o bosque e os seus ecosistemas. Para isto, a iniciativa tira proveito de drons e software específico, dando lugar a unha tecnoloxía innovadora que integra todo o que poidamos precisar para tomar as mellores decisións no relativo ao forestal. A metodoloxía de traballo que achega uForest implica a mobilización de vehículos áreos non tripulados (UAV ou drons), que son os encargados de capturar información xeorreferenciada sobre masas arbóreas, a súa visualización e a súa análise.
O socio director de Bahía Software, Gustavo Gómez, foi o encargado de recoller o galardón, na gala celebrada en PALEXCO.

PUBLICIDADE