Os Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo achegan a versión virtual do Belén de Begonte

xoves, 24 de decembro do 2020 Redacción

A web do Belén electrónico de Begonte, un dos máis sobranceiros e visitados da nosa terra, en boa medida polo seu carácter histórico e polo importante número de figuras articuladas, xa ofrece versión virtual na Rede, habilitada polos Servizos Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo para a Asociación José Domínguez Guizán, impulsora do devandito nacemento chairego.
A entidade explica que “polas actuais condicións sanitarias, este ano non é posíbel visitar fisicamente o Belén de Begonte, como viñan facendo nas últimas edicións arredor de corenta mil persoas cada ano, das que moitas acudían en viaxes organizadas pola asociación de veciños, por entidades culturais ou da terceira idade ou por centros educativos”.
Optouse, xa que logo, por unha versión virtual que permitise “ver o Belén en condicións semellantes ás das habituais visitas”, para o que os técnicos de Audiovisuais da Deputación prepararon un vídeo con información en galego, castelán e inglés para “mellor difundir a historia e realidade do Belén electrónico da Begonte”, informou a asociación, engadindo que neste intre a web do nacemento, ademais da súa historia (a actual é a edición XLIX) e da dos seus certames culturais, permite acceder á información relativa á actual campaña O Nadal en Begonte, así como ao primeiro pregón virtual, pronunciado por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e a versión virtual do Belén que onte se puxo a disposición dos internautas.
Amais, a entidade veciñal engade que están abertas as exposicións Imaxes do Nadal, na sala da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e No Belén do Begonte, na Biblioteca Provincial de Lugo. Tamén están convocados os catro certames do nacemento chairego, con prazo de presentación de traballos ata o próximo 15 de xaneiro.


O Belén de Begonte visto en vídeo

PUBLICIDADE