Os XXIV Mestre Mateo acadaron récord de audiencia e repercusión mediática
venres, 27 de marzo do 2026
Os XXIV Premios Mestre Mateo consolidaron o seu posicionamento como o gran evento anual do audiovisual galego, cunha edición marcada polo éxito de audiencia, o impacto mediático e a elevada participación profesional e cidadá, segundo informou a Academia Galega do Audiovisual, organizadora do certame.
A gala, emitida en directo pola Televisión de Galicia o pasado sábado 21 de marzo, reuniu unha audiencia acumulada de 187.000 espectadores, cunha media de 47.000 e un 8,4 % de cota de pantalla. Ç
Na franxa horaria das 00.15 ás 01.00 horas, os premios situáronse como líderes de audiencia en Galicia entre todas as cadeas, acadando picos de ata 61.000 espectadores e un máximo do 14,1 % de share. Estes datos converten a edición de 2026 na mellor en cota de pantalla desde o ano 2022.
Ademais, os Premios Mestre Mateo foron o segundo programa máis visto do día na TVG, só por detrás do Telexornal do mediodía, superando en máis de dous puntos a media diaria da canle e en nove décimas a media mensual.
A retransmisión da alfombra vermella congregou tamén un destacado interese, con máis de 20.000 espectadores, reforzando o atractivo do evento máis alá da propia gala.
No ámbito dixital, a conversa arredor dos premios acadou cifras récord, con máis de 3 millóns de visualizacións en redes sociais, confirmando o crecente seguimento do evento entre novos públicos.
Amais, o impacto económico directo xerado polos Premios Mestre Mateo estímase en máis de 600.000 euros, tendo en conta contratacións, desprazamentos, aloxamentos e consumo asociados ao evento, “o que evidencia a súa capacidade como motor económico e dinamizador do territorio”, informou a academia, engadindo que no ámbito mediático, a repercusión foi igualmente destacada, cun total de 82 xornalistas acreditados cubrindo o evento, o que xerou unha audiencia potencial de preto de 100 millóns de usuarios/as, cun valor publicitario superior aos 2,2 millóns de euros.
A nivel organizativo, máis de 300 profesionais traballaron directamente na posta en marcha dos premios, que contaron cunha asistencia total de 1.200 persoas entre convidados e público, 900 na gala e 300 no espazo habilitado no Auditorio.
A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo contou co apoio de AGADIC - Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Concellería de Cultura de Lugo e a CSAG - Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
