Os almorzos TIC Talk (CITIC) abordan como a IA interpreta a comunicación de Internet para mellorar a ciberseguridade

mércores, 25 de marzo do 2026 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC acolleu este martes, 24 de marzo, unha nova sesión dos almorzos TIC Talk baixo o título Securing the Internet: When AI Learns the Language of the Network, impartida polo investigador Rubén Pérez Jove.
Durante a charla abordouse como a intelixencia artificial, impulsada polos grandes Modelos de Linguaxe (LLMs) e pola arquitectura baseada en Transformers, abriu a porta a unha nova forma de analizar o tráfico de rede.
Rubén Pérez falou sobre a posibilidade de aplicar estes modelos para que a IA sexa capaz de ler e comprender os paquetes de datos que circulan por Internet, do mesmo xeito que procesa a linguaxe natural.
A sesión centrouse nos denominados modelos fundacionais de tráfico de rede, afondando no seu funcionamento e nos métodos empregados para ensinarlles a interpretar a estrutura e a semántica destes datos. Esta capacidade de comprensión avanzada presentouse como un elemento clave para múltiples aplicacións, especialmente no ámbito da ciberseguridade.
Neste contexto, destacouse como estes modelos están a revolucionar tarefas críticas como a detección de anomalías, a prevención de intrusións, a identificación de activos e a clasificación do tráfico.
“Ao entender a linguaxe habitual da rede, a IA demostra ser capaz de identificar comportamentos maliciosos ou inusuais cunha eficacia superior á dos sistemas tradicionais”, afirmou o investigador.
O relatorio foi desenvolvida por Rubén Pérez, investigador predoutoral FPU no CITIC, baixo a dirección de José Vázquez Naya e Alejandro Pazos. O contido presentado baséase nun exhaustivo traballo de revisión sistemática realizado no marco da súa tese de doutoramento.