Os bañistas da praia de Castelldefels contarán con conexión WiFi

mércores, 2 de maio do 2007 Raquel Noya

Mentres en Galicia moitos de nós non temos (por desgraza) nin a máis remota posibilidade de conectarnos a Internet e malamente contamos con cobertura abonda para o teléfono móbil, noutras comunidades semella que as conexións sen fíos á Rede chegan a todos os recunchos das cidades e incluso ós areais. É o caso da praia de Castelldefels, que vén de converterse na primeira do estado español onde os bañistas e turistas poden conectarse a Internet mediante o sistema sen fíos dende calquera punto da mesma.
Polo tanto, será a primeira vez que os máis frikis do país poderán compatibilizar os seus dispositivos de última xeración co feito de darse un baño de sol cos amigos (despois de anos sen poñer os pés na area), posto que, grazas a cinco antenas que o Concello vén de instalar nela, esta praia de máis de cinco quilómetros transformarase nun punto de acceso natural e de balde e dende calquera punto da mesma: paseo marítimo, areal ou incluso dende embarcacións que se atopen preto da beira do mar.
Ademais destas infraestruturas que garanten a cobertura e o acceso a Internet sen límite de tempo e nun radio de 500 metros, o goberno local tamén incorporou un filtro que limitará o caudal da banda para evitar problemas de conxestión na Rede. E é que todo é pouco para atraer a un turista cada vez máis selectivo (xa non abonda coas gambas ó allo nin os xeados express), que agora esixe “navegar” dende terra, con vistas ó mar e de ser posible cos pés metidos na auga, iso si, tomando as precaucións oportunas para non danar os seus equipos.