Os bens de Patrimoniogalego.net poden verse dunha soa ollada a través de Google Earth
mércores, 1 de abril do 2015
Dende
Patrimoniogalego.net,
o inventario dixital dos nosos bens arquitectónicos, artísticos e
culturais, informan da posta en marcha dunha aplicación que permite
contemplar dunha ollada, coa axuda da ferramenta Google Earth, todos
os bens que acubilla a plataforma. Deste xeito, o catálogo en liña
(o de meirandes dimensións das súas características na nosa terra)
permitirá un coñecemento máis xeral (e ao mesmo tempo máis
concreto) dos 7.000 bens que ten rexistrados a día de hoxe.
O servizo
Patrimoniogalego.net para Google Earth é unha ferramenta engadida e
complementaria para seguirmos de preto a evolución do inventario,
“empregándoo en combinación cun dos programas SIX (Sistemas de
Información Xeográfica) máis potentes e populares de Internet”,
sinalan os responsábeis da iniciativa, que recalcan tamén que o
único requirimento é que descarguemos un ficheiro KMZ para abrilo
logo dende Google Earth. Segundo engaden dende Patrimoniogalego.net
amosando máis detalles do funcionamento da nova incorporación,
cómpre que teñamos en conta que cada noite o servidor de seu
realiza unha operación para converter a base de datos do inventario
nun ficheiro KMZ, que é a estrutura de datos que sustenta Google
Earth. Polo tanto, aconsellan que baixemos de novo a ferramenta
engadida, “de cando en vez”, para gozar dos contidos actualizados
con todos os últimos engadidos á base de datos. Lembran que
arestora xa figuran xeolocalizados máis de 6.800 elementos, “e a
cifra non para de medrar”.
Por certo que estes datos
baixo licenza Creative Commons, polo que non se poden copiar nin
darlles uso sen respectar a fonte orixinal, a de
patrimoniogalego.net, acreditándoa de maneira axeitada, como tamén
cómpre recoñecer a autoría do catalogador. Dende o catálogo en
liña agradécenlle a Eladio Rial, técnico do equipo, a escritura
deste software que din, “multiplica as posibilidades do servizo”.
Creado co soporte técnico
de WordPress, patrimoniogalego.net é un Sistema de Información
Xeográfica (SIX) aberto á cidadanía, independente e sen ánimo de
lucro, dado que ten como fin a preservación do patrimonio cultural
galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmóbel Nel
participan unha serie de voluntarios, profesionais en distintas
disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito
altruísta e desinteresado a partir da iniciativa do divulgador e
profesor da USC Manuel Gago. O corpo de editores que supervisan as
fichas está formado por Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela
Sánchez Arines, Xosé Gago e mais Elixio Vieites, mentres que
Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de
produción. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado Bernardo
Dios, ao tempo que Eladio Rial e Manuel Gago encárganse do deseño e
do mantemento da web. Por último, os xornalistas Xurxo Salgado e
Félix Aragunde son os responsábeis da comunicación.