Os británicos tampouco obteñen o ancho de banda que os provedores anuncian

xoves, 2 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Ó igual que acontece no Estado español, onde as empresas de servizos de internet anuncian unha amplitude de banda que moitas veces non se cumpre, una enquisa levada a cabo polo grupo de consumidores Which? vén de amosar que os usuarios británicos tampouco están a recibir (nin de lonxe) o ancho polo que están a pagar.
O devandito organismo levou a cabo un estudo sobre as conexións de case 300 usuarios durante un período de dúas semanas, e, en base ós resultados obtidos os usuarios poderían sen dúbida considerarse estafados polas compañías. Por exemplo: para aqueles que teñen contratado o servizo de 8 megas a cousa é seria abonda, xa que o ancho de banda promedio só chegou a 2,7, sen acadar o volume de intercambio de datos contratado.
O máximo ó que chegaron as conexións deste tipo foi ós 6,7 megas, pero o máis preocupante é que por momentos a transferencia de datos dende a Rede atopou un mínimo de 0,09 megas; é dicir: a unha velocidade apenas maior cá das conexións de 0,056 Mbps dos primeiros anos dos modems dial-up.
Os usuarios que teñen contratados os servizos de 1 e 2 megas non tiveron mellor sorte, xa que no primeiro caso a velocidade promedio non superou os 0,8, e no segundo só chegou ós 1.3 megas, baixando até mínimos de 0,06 e 0,04, respectivamente. Polo menos nestes casos -nalgún intre do dito estudio-, a velocidade chegou ó pactado co operador.
Por outra banda, nun artigo sobre este tema publicado pola BBC na súa páxina web, un funcionario da British Telecom (BY) asegurou que “virtualmente ninguén chegaría a obter a velocidade pactada” xa que por “leis da física teríamos que vivir sobre o propio servidor da empresa para que a descarga funcionase á máxima velocidade”. Este servidor adoita a estar a unha distancia variable dos nosos fogares, e, ademais, soe ter moitas outras conexións turrando del, principais razóns polas que o ancho de banda vese reducido significativamente.
Respecto disto, cómpre salientar que as velocidades anunciadas polas compañías son sempre velocidades máximas, e que na letra pequena dos contratos aparecen os mínimos de amplitude de banda que a compañía debe garantir durante todo o día.

PUBLICIDADE