Os cascos Oculus Rift deixan de funcionar

mércores, 7 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Usuarios do casco de realidade virtual Oculus Rift están a ver como nas últimas horas os seus dispositivos deixan de funcionar xa que unha das bibliotecas que precisan para operar está asinada cun certificado caducado, fallo bastante grave e que sorprende que teña lugar cun produto tan importante no ámbito da realidade virtual e que é un dos eixes de Facebook de cara ao futuro.
Mentres o problema non se solucione, o único xeito de poder seguir empregando o casco de realidade virtual parece ser a modificación da data do equipo informático ao que se conecte, para que sexa anterior ao 7 de marzo, que é cando o certificado dixital caduca, aínda que cómpre lembrar que ese tipo de prácticas pode provocar problemas con outras aplicacións.
A recomendación de Oculus é esperar a que publiquen unha solución oficial, acompañando tal consello cunha desculpa polas molestias causadas ante o sorprendente fallo.

PUBLICIDADE