Os centros tecnolóxicos galegos captaron preto de 50 millóns de euros
mércores, 13 de maio do 2026
Os centros tecnolóxicos galegos captaron 49 millóns de euros para Investigación, Desenvolvemento e Innovación en 2025, uns resultados que reforzan o seu papel fundamental no avance da Galicia Calidade. Os centros Aimen, ANFACO-CYTMA, CETIM, CTAG, Gradiant e ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), que conforman a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), lograron 33 millóns en convocatorias nacionais e autonómicas e 16 millóns en fondos europeos. Amais, conseguiron uns ingresos conxuntos de 117,8 millóns.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou na presentación de resultados o papel fundamental que desempeñan os centros tecnolóxicos galegos no impulso á I+G+i galega.
Román Rodríguez, acompañado do presidente de ATIGA, Jesús A. Lago ; o director xeral, Fernando Val, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, resaltou “a capacidade dos centros tecnolóxicos galegos para captar fondos en convocatorias altamente competitivas a nivel europeo, nacional e autonómico”.
Ademais, subliñou “o papel destes axentes na dinamización da innovación empresarial, colaborando como socios do tecido produtivo en proxectos estratéxicos”.
Salientou tamén o impacto económico dos centros tecnolóxicos integrados en ATIGA, “que contribúen ao desenvolvemento social, dando emprego a preto de 1.900 persoas de 36 nacionalidades, con máis de 500 proxectos de I+D+i cada ano”.
Lembrou ademais que “co obxectivo de fomentar a transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo e a internacionalización da I+G+i”, a Xunta de Galicia leva colaborando con ATIGA desde 2015, a través de convenios de colaboración que suman un apoio de 1 millóns. Ademais, dixo, “apoiamos con máis de 200 millóns de euros desde 2009 aos centros tecnolóxicos que conforman esta alianza”. Como exemplos dos avances dos centros tecnolóxicos, Aimen coordinou desde O Porriño o proxecto europeo Caelestis para avanzar cara unha aviación máis limpa e con menores emisións. Este centro validou un demostrador aeronáutico a escala real que reduce un 35% o peso e un 80% os defectos de fabricación. ANFACO-CYTMA desenvolveu en Vigo o primeiro prototipo industrial para a produción intelixente de microalgas e CETIM, ubicado en Culleredo, validou en distintas zonas de Europa tecnoloxía propia para mitigar os efectos do cambio climático no ciclo da auga.
Pola súa parte, o CTAG, centro situado no Porriño, impulsou un servizo piloto de shuttle autónomo e eléctrico como solución de mobilidade intelixente no Campus de Vigo e o centro Gradiant, situado en Vigo e centrado nas TIC, liderou Blossom, un proxecto orientado ao deseño de sistemas fotónicos autónomos, ultraeficientes e de baixo consumo, con aplicación directa en intelixencia artificial, telecomunicacións e sector aeroespacial.
Pola súa banda, o ITG desenvolveu desde A Coruña para Abanca unha solución avanzada de prevención de incendios forestais baseada en hangares robotizados con drons autónomos e instalada en tres puntos críticos de Galicia con elevado risco de incendios.
