Os clientes de Ryanair, vítimas dunha nova estafa online

xoves, 19 de maio do 2011 Raquel Noya

Consumer Direct, a axencia do Reino Unido encargada de detectar e avisar da existencia de estafas na Rede, vén de dar coa última estrataxema dos ciberdelincuentes para facerse de ouro a costa dos internautas máis confiados e despistados.
Trátase dunha estafa mediante correo electrónico fraudulento, que pretende enganar á xente a que pague 500 libras pola entrega dun vehículo de promoción de Ryanair, supostamente gañado nun sorteo de rasca e gaña da aeroliña de baixo custe.
Esta estafa a través do correo electrónico, xurdiu logo de que Ryanair confirmara recentemente que un erro de impresión dera lugar a que tres afortunados pasaxeiros nun voo que ía de Milan a Madrid, gañaran un coche valorado en 13.000 euros cada un.
Ryanair e Brandforce (a compañía que produce o xogo de rasca e gaña de Ryanair) recordan que estes coches só lles poden tocar a aquelas persoas que, logo de ter mercado un rasca e gaña a bordo dun dos seus voos, obteñen os tres símbolos do coche nos seus boletos; (cousa que, por certo, non pasa a miúdo, como é de supoñer nos sorteos deste tipo).
Asemade, ambalas dúas compañías recomendan que as persoas premiadas (ou supostamente premiadas) se poñan en contacto con Ryanair ou Brandforce para verificar o boleto antes de reclamar o seu premio, e que non adianten ningunha cantidade en metálico pois o premio está exento de calquera forma de pago ou entrega.

PUBLICIDADE