Os contidos de Disney+, dispoñíbeis dende xa para os usuarios da TV de R

martes, 8 de abril do 2025 S. P.

A operadora galega informou da incorporación dos contidos da plataforma Disney+ á súa oferta de TV dispoñíbel para os seus clientes. Segundo informaron fontes da compañía galega, “o acordo con Disney+ reforza a calidade e diversidade da nosa grella de tele, ofrecida a través de Agile TV, para facer accesíbeis aos nosos clientes os contidos máis recoñecidos e demandados do mercado audiovisual nacional e internacional”.
Os espectadores poderán desfrutar dos últimos éxitos de butaca, incluíndo Mufasa: EL Rey Leon de Disney, Vaiana 2 e Deadpool y Lobezno de Marvel Studios, xunto con series galardoadas como The Bear de FX, Shōgun e a icónica Anatomía de Grey, así coma producións orixinais españolas como Invisible, Cristóbal Balenciaga e Yo, adicto.
Agile Content a través de Over The Top Networks Ibérica é provedor do servizo de televisión de R (Ocio e TV total). O acceso a Disney+ poderase realizar directamente e de xeito doado dende a interface do descodificador de TV de R, de maneira que os clientes poidan acceder aos seus contidos sen ter que mudar de sistema.
En palabras de Alfredo Ramos, director de R e do grupo MasOrange en Galicia, “a integración do servizo de Disney+ en R é máis un paso na nosa aposta por seguir ofrecendo contidos de alto valor. Dende os tempos da televisión analóxica ata hoxe, nos que imperan os contidos dixitais á carta, en R sempre traballamos por reforzar o entretemento con propostas diversas e de calidade. Preto dos nosos clientes, acompañándoos con toda a innovación para que as audiencias galegas non perdan nada”.