Os desafíos da ciberseguridade no tecido produtivo, ao detalle no Club Financeiro Atlántico

mércores, 8 de novembro do 2017 Redacción

A Escola de Finanzas e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) organizan esta semana un encontro profesional dirixido a atallar e frear as ameazas intelixentes que proliferan nas contornas dixitais con recursos análogos: metodoloxías avanzadas e intelixentes. A xornada Intelixencia & Ciberseguridade. Retos ante un mundo global desenvolverase no Club Financeiro Atlántico, na Coruña, o vindeiro venres día 10 a partir das 9:30 horas. O seminario, que será inaugurado por Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, responde ao reto a prol da protección dixital da Escola de Finanzas, responsábel da posta en marcha de recurso como a Unidade Académica de Intelixencia e Ciberseguridade, que responde ás demandas do tecido empresarial galego e que ten o obxectivo de “achegar formación a todo o capital humano das empresas así como aos candidatos que se incorporen a elas”.
A respecto dos porqués da organización da xornada, a Escola de Finanzas salienta que “as ameazas intelixentes comezan a acaparar protagonismo e a asentarse como unha preocupación e un reto para os CISO na defensa das contornas dixitais e os sistemas da información”. Desta maneira, grazas á crecente converxencia entre a seguridade física e a informática, o compromiso corporativo coa seguridade integral aumentou. Dese compromiso e da necesidade de darlle resposta abrollan actividades como a xornada do día 10. Nela participarán representantes do noso tecido tecnolóxico-dixital, como por exemplo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que intervirá na mesa redonda O desafío da ciberseguridade, xunto con outros relatores como Roberto Baratta, director de Loss Prevention de ABANCA, e Antonio Bueno Iglesias, xefe do Servizo de Infraestruturas e Arquitectura Tecnolóxicas do SERGAS. Moderará Rafael Ave, director da Área de Transformación Dixital e Ciberseguridade de Emetel.

PUBLICIDADE