Os dezanove concellos de Alingua lanzan novos materiais TIC para o impulso do galego entre a rapazada
mércores, 8 de novembro do 2023
Alingua,
Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os
servizos de normalización lingüística de 19 concellos,
continúa
este outono coas accións programáticas da
campaña de promoción do galego É
túa. Pásaa!.
No marco desta iniciativa, Alingua lanzou
este curso o seu Catálogo
de referentes acompañado
dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de coñecidos/as
galegofalantes dirixidos
ao alumnado.
Tamén presenta a Cartografía
sensorial,
un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que
conforman a entidade. O
dito Catálogo
de referentes,
unha guía dixital e didáctica para a rapazada, destaca as figuras
públicas dos actores María Váquez e Touriñán, o trío
Tanxugueiras, a escritora Ledicia Costas ou o ilustrador Luís
Davila.
Segundo
explicaron, o Catálogo
de referentes
preséntase como “unha
escolma
en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes
ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu
día a día coma a súa traxectoria profesional”. Este
catálogo créase co fin de visibilizar os usos reais da lingua en
ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten
coa mocidade
Esta
guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua a través da
ligazón
específica habilitada,
recolle máis de corenta figuras salientables
clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes
escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e
artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e
novas tecnoloxías.
Na
presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a
alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo; a alcaldesa de Santiago
de Compostela, Goretti Sanmartín; e maila concelleira de Lingua do
Concello de Teo, María Vázquez. Así mesmo, asistiron ao acto
Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro
de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas,
concelleiro de Rois.
Alingua
enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María
Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral
A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de
Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as
sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael
Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se
recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa
Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a
muralista Nana.
Máis
aló do sector cultural, o Catálogo
de referentes
tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou
Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da
gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri
Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez).
Completan
o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete
ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer
Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María
Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola
súa obra. Todas
as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar
nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de
amosar o seu compromiso co idioma.
Guía
didáctica
O
Catálogo
de referentes
complétase coa guía didáctica É
túa. Pásaa! que,
baixo o subtítulo Con
actividades e referentes para revolucionar o teu galego,
pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria
de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada
de entre 12 a 16 anos.
A
guía didáctica que se atopa na web de Alingua,
inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal,
céntranse nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os
referentes. Así preténdese “achegar ao alumnado a relevancia
destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e
tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e
reivindicacións”.
Segundo
explicaron na presentación, “a guía didáctica está pensada para
o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido
transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e
creación”. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar
a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as
tradicionais sopas de letras ata anovadoras posibilidades
tecnolóxicas, como o deseño dunha app propia en galego. A guía
achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis
información e atopar material complementario na Rede.
Ademais
desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios
adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o
colectivo os propios referentes do alumnado.
Como
outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada
Cartografía
sensorial.
Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais
dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo
amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a
diversidade lingüística
dos concellos que integran a asociación.
“Este repositorio
dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en
liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha
cor identificativa”, explicaron
na presentación os representantes dos concellos de Alingua,
engadindo que con esta ferramenta “búscase un
modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e
lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da
lingua”.
Alingua,
a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está
conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos,
Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso,
Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela,
Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra
súmase a esta entidade como integrante amiga.
