Os directos de Facebook só se gardarán durante 30 días

martes, 18 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Aínda que dende Meta o contido tende a manterse por tempo ilimitado, o feito de que certos tipos de vídeo consuman moitos recursos pero teñan pouco interese a longo prazo está a levar a un cambio de política por parte da compañía de Mark Zuckerberg, que está a anunciar que a partir de agora as retransmisións de vídeo en directo en perfís e páxinas de Facebook só se manterán para a súa reprodución en diferido durante 30 días.
Este cambio de política tamén afectará aos directos pasados, ou sexa, que nos vindeiros meses irán notificando progresivamente aos usuarios para darlles un período de 90 días antes do borrado definitivo dos directos pasados (aínda que para quen precise un tempo adicional ofrecerán a posibilidade de ter 6 meses de prorroga para o borrado).
Os usuarios de Facebook poden descargar os seus vídeos de retransmisións en directo de xeito individual ou de xeito masivo, facilitando incluso a posibilidade de transferir a copia a un servizo de almacenamento na nube.
Lembremos que outras plataformas de vídeo en directo como Twitch tamén conservan os directos por tempo limitado (entre 7 e 60 días en función do tipo de usuario), deixando claro que non teñen interese en conservar de xeito indefinido contidos producidos para o seu goce en vivo.