Os estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación amosarán o seu talento na Rede
martes, 26 de maio do 2015
Como facer ver no noso
currículo todas as habilidades, experiencia e competencias que fomos
adquirindo ao longo da nosa estadía formativa? Amosar esta bagaxe é
sempre unha tarefa complexa, e máis aínda en titulacións onde a
marxe da creatividade de cada quen é tan ampla como difícil de
cuantificar e traducir en palabras. É o caso das Ciencias Sociais e
da Comunicación. Co
obxectivo de facer ver o talento dos estudantes ás empresas, a
facultade (Campus de Pontevedra) vén de habilitar A
Canteira da FCSC, unha web na que tanto o alumnado como os
licenciados poderán presentar os seus traballos. Segundo informa a
dirección do centro, estamos ante un proxecto pioneiro que non ten
equivalentes en ningunha universidade estatal.

- O vicedecano Jesús Pérez incide en que o obxectivo desta iniciativa é fomentar a empregabilidade de alumnado e egresados
Así o conta o
vicedecano Jesús Pérez, que lembra que a web foi desenvolvida
Consello Social da Universidade cun obxectivo principal, “fomentar
a empregabilidade dos nosos alumnos e titulados”.
Ou sexa, que o
que se busca é “que sirva como unha especie de repositorio no que,
dado que temos unhas titulacións cunha alta compoñente visual, os
estudantes poidan ensinar toda esa serie de cousas que non sempre
figuran no currículo”. A idea é que sexan os estudantes os que
enchan de contido o portal que a facultade vén de poñer en marcha.
Segundo engade o vicedecano, polo de agora a páxina está en probas
e pendente das achegas do alumnado.
Amais de ser unha
palestra para os estudantes e titulados, trátase tamén dunha
plataforma orientada ao mundo empresarial. A través dela, “os
empresarios poderán coñecer o traballo de gran calidade que fan os
estudantes”. De feito, unha vez que a Canteira de FCSC estea
cargada de contidos, o seguinte paso será intentar promocionala
entre o empresariado, buscando que as empresas teñan este espazo
como “primeira opción” á hora de contratar alguén en ámbitos
como a publicidade ou o audiovisual.
