Os investigadores Adriana Anido e Manuel Silva, protagonistas do primeiro Almorzo TIC Talk do ano

martes, 31 de xaneiro do 2023 S. P.

O CITIC da UDC acolleu este martes 31 a primeira sesión do ano dos Almorzos TIC Talk, na que os investigadores Adriana Anido Alonso e Manuel Silva Díaz expuxeron as súas liñas actuais de traballo no Centro de Investigación TIC.
En primeiro lugar, Adriana Anido, coa súa charla Deep learning generalization strategies in sleep medicine, falou da súa investigación centrada no desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática aplicando técnicas de Intelixencia Artificial para facer máis eficiente o diagnóstico das desordes do sono. Coa técnica desenvolvida facilítase ao equipo médico unha información interpretada, o que reduce o tempo de valoración e aumenta a fiabilidade do diagnóstico.
Pola súa banda, Manuel Silva presentou o relatorio Neural Radiance Fields: Introdución e principais aplicacións. A súa liña de investigación céntrase en NERF (Neural Radiance Fields), rede neuronal que pode xerar novas vistas de escenas 3D baseándose nun conxunto parcial de imaxes 2D. Esta tecnoloxía, informou o investigador, ten múltiples vantaxes, como por exemplo o almacenamento máis eficiente de información 3D, a obtención de resultados moi realistas e a captura de información 3D de maneira moi rápida.
A sesión estivo moderada polo investigador e membro da comisión de formación do CITIC Álvaro Leitao.
Os Almorzos TIC Talk reúnen mensualmente a persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora coa finalidade de promover a investigación colaborativa nun ambiente distendido.

PUBLICIDADE