Os mellores videoxogos de Xuventude Crea 2024 protagonizan un coloquio no Gaiás

martes, 5 de novembro do 2024 Redacción

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presentou hoxe nun coloquio celebrado no Gaiás os traballos gañadores do certame Xuventude Crea 2024 na categoría de creación de videoxogos, acto no que os autores premiados explicaron os seus proxectos, así como a súa traxectoria neste eido e os seus obxectivos para o futuro.
O primeiro premio foi para o videoxogo Maestosia, co que Gael Alberto Quintela, de Arzúa (A Coruña), experimenta coa música e o son como mecánicas xogables, abordando a saúde mental como tema principal. O segundo recoñecemento foi para o grupo Suncorp, da Coruña, con A Hundred Days of Summer, unha proposta que xira ao redor da exploración e o combate experimentado desde os ollos dun neno pequeno con moita imaxinación. Pola súa banda, Laura Cuestas e Alberto Ferrer, de Pontevedra e co pseudónimo Brea Games, recibiron o terceiro galardón por Souri, unha demo dun videoxogo 3D que se basea en aventuras submarinas en terceira persoa na que o protagonista é un peixe.
Ademais, tamén se outorgou unha mención de honra a Dark Arise, cuxa autoría firmada como Muspelheim procede de Vigo, unha aventura dun samurai que se afonda nas escuras profundidades do que foi unha antiga civilización.