Os móbiles de Samsung poderán intercambiar ficheiros cos iPhones

luns, 23 de marzo do 2026 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro Google anuncio que estaba a introducir na familia de móbiles Pixel 10 a posibilidade de intercambiar ficheiros cos móbiles de Apple facendo interoperables os servizos Quick Share e AirDrop, coa intención de ampliar a posibilidade a máis móbiles no futuro.
Despois diso foi a propia Qualcomm a que confirmou que os móbiles con seus procesadores de gama alta tamén poderían intercambiar ficheiros cun iPhone e, para sorpresa de ninguén, agora é Samsung a compañía que confirma que a familia Galaxy S26 permitirá intercambiar ficheiros cos móbiles da compañía da mazá.
Que Samsung fose unha das compañías beneficiadas dunha mellora en Quick Share era algo evidente, xa que esta funcionalidade de Android é un desenvolvemento da compañía surcoreana, que finalmente foi asumida por Google para os dispositivos con Android de calquera marca.