Os monólogos R regresan aos escenarios galegos cargados de Ignorancia Artificial

venres, 16 de febreiro do 2024 S. P.

Volven os monólogos R ás táboas da nosa terre e fano cunha chiscadela ao tema do que tanto se fala: a Intelixencia Artificial. Como non podía ser doutro xeito, os protagonistas deste novo ciclo abordarán a dita cuestión dun xeito retranqueiro, de aí o título da xira: Ignorancia Artificial. A través das sesións programadas, convidarase ao público a preguntarse se as novas ferramentas nos converten de verdade en persoas máis intelixentes ou máis ignorantes cada vez que se renovan.
O domingo 25 de febreiro reiníciase a xira impulsada pola operadora galega de telecomunicacións, o periplo dos monólogos R que dende hai xa dezaseis anos fixo rir a miles de galegos e galegas das catro provincias, “da man dos actores e actrices máis populares da terra”. A nova edición contará coa participación de Xosé A. Touriñán (Touri) ao que se unen nesta ocasión Marta Doviro e Fede Pérez.
Marcianadas de onte, imprescindíbeis hoxe
O ciclo abordará os inicios da revolución tecnolóxica na que estamos mergullados, cando era unha marcianada reservada moitas veces a frikis e/ou snobs, “mais case sen decatarnos foise incorporando ao noso día a día e xa non podemos vivir sen ela; levamos un teléfono no peto, non usamos cámaras con carrete, compramos roupa por Internet sen probala, traballamos dende a casa, temos toda a música nun terminal, podemos pescudar a cor da segunda capa de pel do escaravello peloteiro nas Antillas nun clic... E cando xa pensamos que está todo OK e adaptámonos aos que consideramos novos tempos chega outro tsunami tecnolóxico, a Intelixencia Artificial, e pon todo coas patas para arriba”.
Estas e outras cuestión serán abordadas por Touri, Doviro e Fede Pérez.
Xosé A. Touriñán fará de mestre de cerimonias nas citas de Vigo e da Coruña e tamén dará boa conta das súas ocorrencias en varias intervencións no escenario. O cómico irá establecendo conversas coa súa compañeira e o seu compañeiro de escenario, Marta Doviro e Fede Pérez respectivamente, que tamén ofrecerán os seus propios monólogos.
“Trátase, en suma, de gañar por goleada ao ChatGPT e a outras creacións artificiais cun percorrido polos textos humorísticos que levan máis dunha década conquistando o público”, explican fontes de R, engadindo que o obxectivo é ante todo relatar, parodiar, reflexionar e cuestionalo todo para facer pasar unha tarde de diversión á fiel audiencia dos monólogos R.
Os monólogos R de 2024 arrincan o domingo 25 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo da cidade olívica ás 19:00 h, en sesión única. E viaxarán posteriormente á Coruña, onde van recalar no Palacio de Exposicións e Congresos, PALEXCO, o sábado 9 de marzo en dobre sesión: ás 17:00 h e ás 20:30 h. O aforamento é limitado en ambos os espazos e para acudir é preciso contar con algún dos convites de R para clientes ou coas conseguidas nos concursos de redes sociais.