Os navegadores Opera e Safari lideran a navegación web dende o móbil

xoves, 4 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A aparición do iPhone espertou a guerra dos navegadores web nos móbiles, pois disparou o uso da Internet dende os terminais telefónicos, de aí que se considerase coma o dispositivo móbil de referencia, polo que sorprende o anuncio de que Opera lidera o mercado da navegación móbil, o que como noutras ocasións resulta ser unha información imprecisa, por non dicir falsa, xa que nace dunha comparación heteroxénea, por contrastar un navegador instalado en centos de terminais diferentes con outro navegador nun único modelo de móbil.
Pero se queremos facer unha boa comparativa, o 24,6% de cota de mercado que ten Opera tería que compararse non só co 22,3% do iPhone, senón tamén co 14,9% do iPod Touch, sumando a versión móbil de Safari unha cota do 37,2%, o que o situaría moi por diante do Opera.
Aparte, os datos tamén veñen dun gráfico elaborado por StatCounter, que non parece moi preciso (Opera Mini e Opera Mobile son 2 navegadores distintos, e dá a impresión de que está sumando os resultados de ambos). De todos os xeitos, a forza de Opera nos terminais móbiles é notable, deixando en evidencia a pouca confianza do público no Internet Explorer neste tipo de dispositivos.
Á vista destes datos dá a impresión de que a competición non está entre Opera e Safari, senón entre o iPhone e o resto dos móbiles xuntos, o que non parece unha comparación xusta, e que serve para ilustrar o desequilibrado que está o mercado dos navegadores web móbiles.