Os novos smartphones de Honor chegan con baterías de 10.000 mAh

martes, 30 de decembro do 2025 Redacción

Honor está a lanzar na China os seus novos móbiles Honor Win e Honor Win RT, modelos que comparten especificacións esenciais, diferenciándose lixeiramente en potencia e configuración fotográfica. Ambos modelos chegan equipados cunha batería de 10.000 mAh, unha cifra que supera con moita distancia os estándares actuais da industria á vez que mantén un grosor ordinario. A isto súmanse sistemas de carga rápida de ata 100 watts por cable e, no caso do Honor Win, tamén carga sen fíos de 80 watts.
O Honor Win é o modelo máis avanzado dos dous. Incorpora o procesador Snapdragon 8 de quinta xeración, unha GPU Adreno 840 e un sistema de cámaras traseiras composto por un sensor principal de 50 Mpíxeles, un teleobxectivo tamén de 50 Mpíxeles con estabilización óptica e un ultra grande angular de 12 Mpíxeles. O Honor Win RT, pola súa banda, mantén o mesmo sensor principal e o ultra gran angular, pero prescinde do teleobxectivo e opta por unha configuración lixeiramente máis contida, apoiada nunha versión do Snapdragon 8 con frecuencias de reloxo algo máis baixas e unha GPU Adreno 830.
A nivel de deseño e pantalla, non hai diferenzas: ambos montan un panel OLED de 6,83 polgadas con resolución Full HD+ e refresco de ata 185 Hz, ademais dun corpo de 8,3 mm de grosor e un peso que se move entre os 225 e os 229 gramos segundo o modelo. Tamén comparten MagicOS 10 baseado en Android 16.
Os dous dispositivos ofrecen conectividade 5G completa, NFC, Bluetooth 6.0 e o chip propio de Honor C1+ para mellorar a recepción de sinal en contornas complexas. As opcións de memoria tamén son paralelas, con configuracións que chegan ata os 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento.
O Honor Win pode reservarse na China a un prezo promocional de lanzamento que parte dos 3.599 iuans (437 euros), mentres que o Honor Win RT ten un prezo oficial de saída de 3.059,10 iuans (371 euros).