Os portátiles Galaxy Book6 chegan a Europa

mércores, 18 de febreiro do 2026 Redacción

Samsung consolida a súa aposta polos portátiles de alta gama coa presentación europea da serie Galaxy Book6, composta polos modelos Galaxy Book6, Galaxy Book6 Pro e Galaxy Book6 Ultra. A compañía surcoreana sitúa esta xeración como o maior salto de rendemento da liña, apoiándose nos novos procesadores Intel Core Ultra Serie 3, deseñados para mellorar a multitarefa, acelerar fluxos creativos e potenciar aplicacións baseadas en IA. A integración dunha NPU capaz de acadar ata 50 TOPS permite executar tarefas de intelixencia artificial con maior fluidez, un elemento cada vez máis central no ecosistema Windows.
O Galaxy Book6 Ultra convértese no buque insignia da gama, incorporando gráficos dedicados nVIDIA GeForce RTX 5060 ou 5070 segundo configuración, o que o orienta claramente a creadores audiovisuais, profesionais do deseño e usuarios que traballan con vídeo ou modelado 3D. Este modelo integra unha pantalla AMOLED táctil de 16 polgadas con resolución WQXGA+ (2880×1800) e brillo de ata 1000 nits, ademais dunha batería de 80,20 Wh e carga rápida de ata 140 watts nas versións con GPU dedicada.
Os Galaxy Book6 Pro, dispoñibles en 14 e 16 polgadas, manteñen pantallas AMOLED táctiles con tratamento antirreflexos e un deseño especialmente lixeiro: o modelo de 14 polgadas parte de só 1,24 kg. Estes equipos poden configurarse con procesadores Intel Core Ultra das series X7, 7 ou 5, memoria LPDDR5X de ata 32 GB e almacenamento SSD de ata 1 TB, ampliable no modelo de 16 polgadas. A batería sitúase entre 67 e 78 Wh segundo versión, con carga de 65 watts.
O Galaxy Book6 estándar preséntase como a opción máis accesible, con pantallas IPS antirreflexos en 14 e 16 polgadas, resolución WUXGA e brillo de 350 nits. Mantén procesadores Intel Core Ultra 7 ou 5, gráficos Intel integrados e opcións de memoria de 16 ou 32 GB. A conectividade inclúe Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.4 e unha variedade ampla de portos, entre eles HDMI, USB-A, USB-C, microSD e incluso RJ45, un elemento pouco habitual en equipos ultrafinos.
Toda a serie aposta por un chasis ultrafino con perfís simétricos, acabados en gris ou prata e unha estética minimalista que reforza a continuidade coa identidade Galaxy. Samsung tamén introduciu melloras na refrixeración interna, con cámaras de vapor máis amplas e sistemas de ventilación máis eficientes, co obxectivo de manter un rendemento estable mesmo en cargas intensivas.
Samsung establece unha estrutura de prezos escalonada que reflicte a amplitude da gama. O Galaxy Book6 arrinca en 1.149 euros para o modelo de 14 polgadas, 1.249 euros para o de 16 polgadas e 1.399 euros para a versión táctil de 16 polgadas. O Galaxy Book6 Pro sitúase en 1.799 euros na variante de 14 polgadas e 1.899 euros na de 16 polgadas. No extremo superior, o Galaxy Book6 Ultra parte de 2.399 euros na configuración con gráficos Intel Arc e alcanza os 3.399 euros na versión con GPU nVIDIA GeForce RTX 5060.
A serie poderá reservarse en España e noutros países europeos a partir do 25 de febreiro, cun lanzamento comercial previsto para marzo.