Os primeiros Youtube Video Awards recoñecerán as mellores gravacións caseiras de 2006

martes, 20 de marzo do 2007 Raquel Noya

A coñecida plataforma de vídeos na rede YouTube volve a ser nova de portada nos principais xornais dixitais e de novas tecnoloxías (semellantes a este) do mundo, pero desta volta, non por ser vítima doutra denuncia interposta por algunha canle de televisión ou artista fóra de si pola carraxe (que por certo, leva unhas cantas). Nesta ocasión, a web é nova por convocar os primeiros YouTube Video Awards, uns premios que distinguirán ós mellores vídeos caseiros de 2006. Os galardóns outorgaranse en nove categorías, entre as que cómpre salientar: o vídeo máis creativo, o máis inspirador, a mellor serie, a mellor comedia, o músico do ano, o mellor comentario ou mesmo o vídeo máis benquerido de tódolos tempos. E como non podía ser doutro xeito, será a comunidade internauta a encargada de escoller ós gañadores, que se darán a coñecer o vindeiro 25 de marzo.
Entre os nomeados atópanse os vídeos máis comentados e criticados polos usuarios de YouTube ó longo de 2006, aqueles que levantaron polémicas e tamén aqueles que lle arrincaron un sorriso mesmo ó individuo máis serio de toda a comunidade virtual.

PUBLICIDADE