Os produtos de PescadeRías ofrecen garantías adicionais de integridade grazas á tecnoloxía blockchain de SIVSA

martes, 23 de xuño do 2020 Sonia Pena

A empresa galega SIVSA, con sede principal en Vigo, foi a encargada de achegar tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) e rastrexabilidade á marca galega PescadeRías, de onde se non?, impulsada pola Consellería do Mar. O obxectivo deste proxecto impulsado pola axencia AMTEGA e adxudicado a SIVSA é achegar garantías adicionais acerca da integridade de cada unha das operacións que se producen na cadea de valor dos peixes e mariscos galegos certificados coa dita marca.
A iniciativa, xa en funcionamento, procesou máis de 308.000 etiquetas desde o seu arranque e fíxoo tirando proveito do que en palabras de SIVSA é unha das principais fortalezas do blockchain: a inmutabilidade. Grazas á cadea de bloques, explica a empresa galega, “as evidencias rexistradas non poden ser eliminadas nin manipuladas, o que achega garantías da orixe e integridade dos datos, así como da data na que se produciu a operación”. Dito doutro xeito: o emprego da dita tecnoloxía equivale a asinar ante notario todo o acontecido na cadea de valor do produto, neste caso concreto un produto pesqueiro galego certificado. Isto afecta á liña de actividade comprendida dende que se recibe o produto nas lonxas até que chega ao consumidor final.
Segundo explica SIVSA, a aplicación da cadea de bloques na marca PescadeRías pon a disposición do usuario, xa sexa un axente ou un comprador de a pé que leva o peixe para a súa casa, “un informe completo de rastrexabilidade que pode atopar en calquera etiqueta do produto”. O informe presenta as características do peixe ou marisco, a data e zona de captura, peso, entre outras informacións, e a traza de todos os axentes da marca polos que pasou ese produto.
A empresa engade que arestora está a avaliarse a extensión do sistema tecnolóxico, durante este ano, a outros ámbitos autonómicos, como a comercialización do produto das lonxas adheridas ao proxecto Lonxas Galegas 4.0, ou a rastrexabilidade da madeira nas tallas públicas e persoais realizadas en Galicia.

PUBLICIDADE