Os proxectos urbanísticos de Santiago, Abegondo e A Coruña poderán ser consultados na Rede
xoves, 2 de agosto do 2007
Os Concellos de Santiago, Abegondo e A Coruña formarán parte dun proxecto piloto do Ministerio de Industria (a través de Red.es) para facilitar a comunicación entre as administracións e a cidadanía vía Internet, incrementando a transparencia da xestión institucional. Nesta iniciativa, que entre outras cousas permitirá a consulta en liña dos plans urbanísticos, participarán tamén os Concellos de Terrassa (Barcelona), Cuenca, Sevilla, Miguelturra (Ciudad Real), Puertolumbreras (Murcia), o Principado de Asturias, a Mancomunidade Sagra Alta (Toledo) e a Deputación de Badaxoz. A principal idea do proxecto é favorecer o coñecemento na sociedade das actuacións públicas máis inmediatas en materia de plans sobre o terreo, contribuíndo deste xeito á implicación activa dos cidadáns.
A iniciativa, chamada Programa de Impulso da Introdución das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) na xestión urbanística municipal, desenvolverase ó longo de cinco meses, dando comezo as actividades entre a segunda quincena de setembro e a primeira de outubro.
O orzamento que destina Red.es para este programa piloto é de 1,2 millón de euros. Segundo informa esta entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Industria, o proxecto será desenvolvido de xeito conxunto por Red.es e as institucións finalmente seleccionadas das 18 que se presentaron. Basicamente, as actuacións consisten na dixitalización de toda a información relativa ó planeamento urbanístico, a implantación dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) para a xeorreferenciación dos datos dixitalizados e o desenvolvemento dos aplicativos que permitan “a doada integración da nova información urbanística no sistema e a posta en valor para os cidadáns a través da publicación de todos os datos na Rede”.
Esta primeira fase do programa xorde dun acordo asinado entre o Ministerio de Industria e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Unha vez finalizados estes primeiros pasos, acordarse un novo convenio para a realización da segunda fase da iniciativa, que ten como principal obxectivo axudar ós concellos na implantación do dito Sistema de Información Xeográfica, na dixitalización do Plan Urbanístico para a súa posta en liña no SIG e (xa que logo) na Rede a disposición dos cidadáns e das empresas.
