Os recursos para crear as aplicacións máis limpas e evolucionábeis, ao detalle nun novo curso de Vitae

mércores, 24 de marzo do 2021 Fernando Sarasketa

En cuestión de creación de ferramentas e servizos tecnolóxico-informáticos, hai varios factores que cómpre ter en conta para realizarmos un bo traballo, factores que van máis alá dos elementos de base. Falamos do ingrediente da sinxeleza, que sempre debe ir unido aos da transparencia e a claridade. Dito doutro xeito: canto menos incertezas e marxe de dúbidas haxa nun proxecto, mellor que mellor. Mergullarnos neste xeito tan aconsellábel de traballar é o gran obxectivo da 12ª edición do Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. Vén da man de Vitae Consultores, referente galego e estatal en formación avanzada para profesionais TIC.
Segundo recalcan fontes de Vitae, a claridade non é só boa en si mesma como un método para asegurar que a información non se desvirtúa, nin tampouco a comunicación, senón que tamén achega grandes beneficios para que un servizo ou ferramenta poida evolucionar no tempo e ser optimizada e adaptada por outras persoas.
O novo curso celébrase na Aula Virtual de Vitae os días 26, 27, 28 e 29 de abril.
O punto de partida desta actividade formativa de Vitae está nunha necesidade concreta por parte das empresas e profesionais: a demanda de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o complexo.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE