Os reloxos de Samsung melloran en prestacións e autonomía

mércores, 10 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Os reloxos conectados de Samsung renóvanse cun importante cambio de marca e unha maior orientación ao deporte e á saúde, de xeito que agora temos o Galaxy Watch5 para o usuario ordinario e o Galaxy Watch5 Pro para usuarios máis esixentes, que precisan dun móbil máis resistente e con maior autonomía.
O Samsung Galaxy Watch5, aparte das funcionalidades propias de calquera smartwatch (como recibir as notificacións do móbil), ten un completo sensor BioActive que achega numerosas funcionalidades de monitorización dixital, de xeito que pode medir de xeito óptico a frecuencia cardíaca, o sinal eléctrico cardíaco e a bioimpedancia eléctrica, de xeito que rexistra de xeito exhaustivo datos como o ritmo cardíaco, o osíxeno en sangue e incluso o nivel de estrés.
Permite facer un seguimento da tensión arterial eelectrocardiogramas, e como novidade desta versión ten tamén un sensor de temperatura. Tamén incorpora un mellor seguimento do sono, o que resulta moi importante para ter unha boa calidade de vida.
O Galaxy Watch5 presume de ter mellorado a súa autonomía un 13%, de ter unha pantalla un 60% máis robusta e de poder empregar Spotify co asistente de Google ou incluso de poder guiarnos cos mapas de Google sen conexión co smartphone.
Pola súa banda, o Samsung Galaxy Watch5 Pro é un móbil orientado ao sendeirismo, o ciclismo e moitas outras actividades deportivas, para o que mellora aínda máis a resistencia da súa pantalla que está especialmente rpotexida polo deseño sobresaínte da súa carcasa de titanio, e tamén conta cunha nova correa deportiva.
A súa batería é un 60% máis grande que na versión anterior, de xeito que resulta máis acaído para un uso intensivo, de aí que esteamos ante un reloxo cun tamaño bastante prominente.
Estes reloxos xa están dispoñibles en reserva, chegando ás tendas o 26 de agosto a un prezo que parte dos 299 euros para o Galaxy Watch5, e de 459 euros para o Galaxy Watch5 Pro, incrementándose os prezos en 50 euros nas súas versión con conectividade LTE.

Vídeo de presentación do Galaxy Watch5 Pro

PUBLICIDADE