Os segredos da ferramenta de intelixencia nos negocios Power BI centran un curso de Vitae

mércores, 11 de maio do 2022 S. P.

Sen dúbida entre os recursos máis destacados dos que podemos botar man para tomar as mellores decisións nos negocios atópase a ferramenta Power BI, unha solución formada por un conxunto de ferramentas que permiten obter datos de moi diversas fontes, integralos e convertelos logo en información útil e rendíbel que pode ser compartida en eficaces ferramentas de visualización e colaboración. Esta solución está na base do curso Microsoft Power BI: Modelado e Análise de Datos, oitava edición, que ofrece a consultora Vitae. Serán 20 horas de contidos a desenvolver os días 6, 7, 8, 9, 13, 14, 15 e 16 de xuño.
Segundo explica Vitae, esta actividade formativa ten por obxectivo introducir aos asistentes no manexo da ferramenta de Business Intelligence Microsoft Power BI. “A partir de diferentes orixes de datos aprenderemos a crear auténticos cadros de mando que nos axudarán na toma de decisións”, sinala a consultora, poñendo o foco nas posibilidades complementarias do Power BI Dekstop como método de axuda para obter a información, analizala e representala graficamente. “Arrincaremos cunha introdución á Intelixencia nos Negocios e coñeceremos todo o contorno Power BI (dekstop, servizo, aplicacións móbiles) e faremos as primeiras transformacións sobre un proxecto rematado para familiarizarnos co programa, e deste xeito, ter un enfoque global que nos servirá para debuxar o camiño na formación”, sinala Vitae debullando o que sería a introdución do curso, que abordará de cheo cuestións como a integración de datos con Power Query; a creación de gráficas, tarxetas, mapas ou visualizacións, ou as metodoloxías para compartir os informes creados e crear apps de visualización.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE