Dende Google levan tempo promovendo o seu Project Ara, unha iniciativa que persegue o soño dun smartphone modular, de xeito que o usuario podería configurar o dispositivo que máis se adapte ás súas necesidades e incluso podería substituír de xeito doado os seus diferentes compoñentes para intercambiar partes avariadas ou para actualizar o seu hardware incluíndo unha cámara mellor ou máis memoria para as aplicacións. Pero facer posible esta tecnoloxía está a resultar máis complicado do que se pensou nos seus inicios, e dende o proxecto recoñeceron a través de Twitter que levan retraso, e que, aínda que no Google I/O xa presentaran prototipos operativos, o Project Ara non verá a luz ata 2016.
Dende Google confían en poder contar cun primeiro modelo de smartphone que conte con entre 20 e 30 módulos para elixir, e aínda que esta tecnoloxía parece ser máis que factible, queda por ver se economicamente resulta rendible, xa que actualmente os smartphones de gama media xa presentan unhas prestacións extraordinarias, e incluso están dispoñibles terminais de gama baixa cunhas especificacións máis que suficientes para o usuario medio, polo que a necesidade de actualización podería diluírse.
Vídeo promocional do Project Ara
Os smartphone modular de Google non será realidade ata 2016
Compartir Este Artigo
