Os usuarios de Moovit terán información directa sobre os aparcadoiros disuasorios da Coruña

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Redacción

A ferramenta Moovit, dirixida a fornecer máis eficiencia nas viaxes en transporte público, vai seguir adiante co seu proceso de achegar novos servizos ás cidades galegas. Se o ano pasado dimos conta da chegada da aplicación a Vigo, Pontevedra e Ferrol, e previamente xa foramos informados da súa arribada á Coruña, esta semana o equipo responsable da ferramenta-comunidade móbil (unha comunidade mundial de máis de 55 millóns de usuarios) informou dunha nova funcionalidade para consultarmos máis de 120 aparcadoiros disuasorios, catro deles da Coruña.
Este novo servizo, lanzado a través dunha alianza con Parclick (nova firma española adicada á reserva en liña de prazas de aparcadoiro para vehículos de todo tipo), permitirá aos usuarios de Moovit (3 millóns no ámbito estatal) ter en conta os estacionamentos de borde para planificar os seus traxectos en áreas urbanas e metropolitanas. O obxectivo, sinala a compañía, “é potenciar o transporte multimodal e a mellora da calidade do ar diminuíndo a entrada de vehículos privados ao centro da cidade”.
Entre os aparcamentos coruñeses incluídos na nova funcionalidade atópase o da Palloza ou o da Praza de Pontevedra.
O obxectivo, como dixemos, é potenciar o uso destes estacionamentos emprazados nas áreas lindeiras co centro das cidades. “Grazas á promoción destes aparcadoiros situados a carón de estacións ou paradas de transporte público”, explican dende Moovit, “perséguese a mellora da calidade do ar e saúde pública, a mobilidade urbana e o fomento do transporte público”. Segundo palabras de Roy Bick, fundador e vicepresidente de operacións de Moovit, “esta alianza é máis necesaria que nunca xa que cada vez son máis frecuentes as restricións impostas ao tráfico de vehículos particulares debido a factores como: a alta contaminación, a seguridade cidadá ou como medida para favorecer a dinamización do comercio e a mobilidade en determinadas zonas ou durante determinados eventos”.
Con esta actualización, Moovit amosará máis de 120 aparcadoiros de Parclick dispoñibles na xeografía española distribuídos da seguinte maneira:
- Comunidade de Madrid: 17
- Barcelona: 16
- Valencia: 17
- Zaragoza: 6
- Sevilla: 20
- Granada: 11
- Córdoba: 3
- Bilbao: 7
- Málaga: 3
- A Coruña: 4
- Alacante: 8
- Murcia: 4
- Salamanca: 2
- Cádiz (Baía de Cádiz): 7