Os usuarios de R poderán gozar de fútbol televisado a través de Telecable

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Co anuncio da promoción de 9,95 euros/mes polo paquete PREMIUM EXTRA de FUSIÓN+ parece que remataron as novas oficiais sobre a guerra polo fútbol televisivo, manténdose a incógnita de se R tería finalmente algunha oferta do deporte rei na súa programación televisiva, e aínda que continúan a clarexar publicamente o asunto, está a sorprender unha solución que están a suxerir aos seus clientes: contratar un servizo de televisión en liña doutra compañía, para acceder así ao fútbol legalmente, o que podería facerse por 15 euros/mes de contratalo antes do 30 de setembro.
Concretamente estariamos a falar dunha oferta audiovisual de Telecable, compañía que permite contratar o acceso a beIN Sports, Abono fútbol e Abono fútbol 1 para consumidores que non sexan clientes da compañía, o que permitiría o acceso aos partidos da Liga BBVA, a Copa do Rei, a Champions e outras ligas internacionais (Premier League, League 1, Serie A, Copa Libertadores...).
A información sobre esta curiosa oferta comercial dispoñible na web resulta bastante confusa e deficiente, recomendándose aos interesados en contratar o produto que chamente ao teléfono 900 830 840 para informarse debidamente. Ao parecer o sinal das canles contratadas pode recibirse a través da solución multi-dispositivo Tedi de Telecable (dispoñible para iOS, Android e PC) aproveitando unha conexión á Internet ordinaria.

PUBLICIDADE