Os videoxogos ocuparon o 54% do lecer electrónico en 2007

mércores, 9 de abril do 2008 Marcus Fernández

A Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Lecer (aDeSe) publicou as estimacións de consumo do ocio multimedia e interactivo correspondente a 2007, que experimentou un importante crecemento no sector dos videoxogos, que chegou aos 1.454 millóns de euros, de xeito que supera xa a suma do consumo en música gravada, películas en DVD e taquillas cinematográficas.
Os videoxogos supoñen así o 54% do consumo de lecer electrónico, situando a España no cuarto posto a nivel europeo (tras Reino Unido, Alemaña e Francia).
As consolas de videoxogos cada día gañan máis presenza coma plataforma de xogo, e xa representan o 88,4% do consumo, mentres que o PC vai quedando relegado, aínda que tamén hai que destacar que o tipo de xogos en cada plataforma son dispares, de xeito que nas consolas dominan os títulos de aventura, mentres que no PC os líderes son os de estratexia.

Informe sobre os videoxogos en 2007 presentado por aDeSe

Analizando a listaxe dos 20 títulos máis vendidos en 2007, destacan nos dous primeiros postos os Brain Training de Nintendo DS, ocupando a portátil de Nintendo outros 9 postos, polo que sería a consola con máis unidades nas primeiras posicións de ventas, seguida da supostamente en decadencia PlayStation 2, que conta con 7 xogos na listaxe, mentres que a PS3 e a Wii se teñen que conformar cun título cada unha. Habería que destacar que estes xogos están segregados por plataforma, polo que, se esquecemos as plataformas é de xustiza destacar que o Pro Evolution Soccer (en distintas versións) está presente no Top 20 en 4 posicións.
No tocante as cifras negativas, aDeSe tamén denuncia que os desenvolvementos de videoxogos realizados en España non chegan ao 1% do consumo local, e a taxa de piratería continúa a ser elevada, supondo unhas perdas estimadas de 150 millóns de euros.