Ourense Reto Dixital comezará o ano levando formación tecnolóxica ao rural da provincia
mércores, 31 de decembro do 2025
A Deputación de Ourense vai desenvolver co ano que comeza boa parte do seu programa Ourense Reto Dixital, unha iniciativa para levar aos concellos da provincia formación dixital gratuíta pensada para persoas adultas que queren mellorar no traballo, actualizar coñecementos ou manexarse mellor coa tecnoloxía no día a día. Inclúense cursos presenciais en distintos municipios e tamén na modalidade en liña, para facilitar o acceso á formación no rural.
Por temáticas porase o foco en ferramentas dixitais básicas, intelixencia artificial, banca electrónica, eAdministración (Administración Electrónica) ou empregabilidade dixital, entre outras cuestións. A formación será como dixemos presencial e en liña, segundo a dispoñibilidade de cada concello. As datas e lugares das accións de capacitación tecnolóxica iranse pechando de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. As persoas que queiran inscribirse poden facelo de xeito doado a través da web do programa. Tamén poden solicitar información a través da conta de correo retodigital@depourense.gal e do teléfono móbil 681 291 362.
A iniciativa prevé formar a 6.000 persoas do rural.
A empresa ourensá Academia Trinidad será a encargada de impartir os cursos, que ficarán dispoñibles nunha plataforma de teleformación durante cinco anos, para que a cidadanía poida consultalos ou repetilos cando o precise.
Entre os contidos que se ofrecerán destacan accións moi prácticas, como: facer videoconferencias por WhatsApp; pagar un recibo ou facer unha transferencia dende o móbil; presentar unha solicitude en liña; usar a aplicación do SERGAS; mercar con seguridade en Internet; ou empregar as redes sociais de forma responsable.
O pasado mes de novembro estaban adheridos ao proxecto 67 concellos da provincia e 17 asociacións de interese social, e o resto poderá sumarse comunicándoo á Deputación.
