Own the way presentará en Culturgal as súas audioguías para museos con investimento cero

xoves, 29 de novembro do 2012 Redacción

Own the way, empresa especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxico audiovisuais para proporcionar información a visitantes de espazos turísticos ou culturais, vén poñer no mercado un servizo de audioguías low cost, dirixido sobre todo a museos. Estas achegas, que van ser a amosadas en detalle na feira Culturgal de Pontevedra que comeza este venres, encamíñanse a permitirlles aos ditos espazos de exposición dispor dun servizo de audioguías multilíngüe “sen ningún tipo de investimento inicial para o museo”.
A fórmula, informa a empresa galega, é sinxela: Own the way proporciónalle ao museo a tecnoloxía, as audio descricións, folletos, reprodutores e bases de carga. A cambio, e por un miúdo incremento do prezo da entrada (recoméndase un incremento entre 0,50 céntimos de euro e un euro), o museo poderá ofrecer este servizo a todo os seus visitantes.
As vantaxes para a museo son claras, informa Own the way. Por unha banda, melloran substancialmente a atención ao visitante, dánlle cobertura a moitos visitantes internacionais para os que doutro xeito non dispón de recursos para atender; incrementan os seus servizos cun investimento practicamente nulo, etc. Asemade, o visitante, pola súa banda, recibirá coa entrada unha audioguía e un folleto explicativo que contribúe a incrementar o coñecemento adquirido, “mais sobre todo, a mellorar a experiencia da visita”, engade a firma galega.
Own the way busca con este servizo facilitar o acceso á tecnoloxía audiovisual a museos, principalmente ós de pequena envergadura. “Nestes momentos nos que os recortes orzamentarios afectan de forma moi directa ao mundo da cultura, Own the way ideou un sistema baseado na filosofía win - to win, mediante o que Own the way realiza o investimento inicial que o museo amortiza en función dos visitantes que vai tendo, tras unha análise previa do número de visitantes a definición dun plan de amortización co museo”, explican. Neste sentido, o servizo OTW LOW COST, así se fai chamar, “racha de plano cos sistemas de audioguías tradicionalmente ofertados a museos, que requiren dun investimento moi elevado debido á complexidade dos aparatos empregados”.
Por certo que OTW LOW COST, xunto co resto dos proxectos nos que Own the way está a traballar, poderán coñecerse de primeira man esta fin de semana na Feira das Industrias Culturais – Culturgal, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde a empresa terá stand de seu.

PUBLICIDADE