Pablo Fondo (AtlantTIC) achega un mecanismo que permite reducir a latencia nas comunicacións
martes, 22 de novembro do 2022
Pablo
Fondo, investigador do centro AtlantTIC da UVigo (Grupo de
Tecnoloxías da Información), desenvolveu na súa tese doutoral un
mecanismo que permite reducir a latencia nas comunicacións e achegar
meirandes cotas de fiabilidade. Con esta tecnoloxía,
emendaríanse dúas das principais eivas das arquitecturas estáticas
das redes 4G, que decote son incapaces de soportar estas
comunicacións dun xeito eficiente.
Na
súa investigación Fondo fai uso da denominada computación no bordo
da rede (Multi-Access Edge Computing, MEC) para desenvolver un
mecanismo capaz de reducir a suma de retardos temporais nas redes 5G,
sendo, ademais, compatíbel coas redes 4G existentes, o que facilita
a súa integración e permite tamén facer uso inmediato desta
tecnoloxía.
“Este
mecanismo está baseado nas redes definidas por software, que
permiten mover as comunicacións do usuario a bordo da rede de forma
dinámica”, explica o investigador, engadindo que “entre as
principais vantaxes que achega o uso deste paradigma está,
precisamente, a redución da latencia das comunicacións, que é un
aspecto crítico das redes 5G”.
O
sistema proposto na tese permite a integración de servizos de MEC
nas redes dos operadores “dunha forma dinámica”, explica Fondo,
aclarando que con este mecanismo outórgase maior flexibilidade aos
operadores e permítese reconfigurar a rede dun xeito totalmente
transparente para os dispositivos finais, sen romper ou alterar
ningunha das comunicacións que ten establecidas. “Por exemplo,
cando un usuario conectado a unha rede cunha latencia moi alta, nun
momento dado nota que a calidade das súas comunicacións empeora, o
mecanismo proposto axudaría a mover as comunicacións dese usuario
ao bordo da rede nese mesmo intre, conseguindo reducir os retardos
que percibe e, en consecuencia, mellorar a calidade das súas
comunicacións”, explica o investigador, quen desde 2018 imparte
docencia no Departamento de Enxeñaría Telemática.
A
segunda gran vantaxe deste mecanismo márcaa o feito de que sexa
compatíbel coas redes 4G existentes, o que facilita a súa
integración, xa que permite facer uso desta tecnoloxía nas redes
que xa teñen actualmente despregadas os operadores, mellorando o seu
retorno de investimento.
Dirixida
polo profesor Felipe Gil, responsable do Laboratorio 5G da UVigo, a
investigación fixo un estudo pormenorizado da aplicación deste
mecanismo en casos de uso de comunicacións vehiculares, onde, debido
á propia natureza do escenario, existe unha alta mobilidade dos
terminais.
Natural
de Culleredo, Pablo Fondo é graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías
de Telecomunicación (2016) con Premio Nacional Fin de Carreira,
mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación (2018) e doutor en
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (2022) con Mención
Internacional e Cum Laude pola Universidade de Vigo.