Paideia organiza en Santiago e na Coruña un curso de balde sobre mercadotecnia dixital e cooperativismo

xoves, 8 de febreiro do 2024 S. P.

A Fundación Paideia organiza esta tempada (entre febreiro e xullo) un curso intensivo e gratuíto sobre Marketing Dixital e Cooperativismo. Celebrarase en dúas edicións, en Santiago e A Coruña, para mozas e mozos de entre 16 e 29 anos. Trátase, en palabras de Paideia, “dunha gran oportunidade de incorporación ao mercado laboral para a nosa xente nova, xa que poderán adquirir todos os coñecementos para crear unha cooperativa de servizos de mercadotecnia dixital, aprender dos/das mellores profesionais e coñecer os casos reais de éxito”.
O programa inclúe tamén unha semana de mobilidade a outra comunidade autónoma con todos os gastos cubertos, e as persoas participantes poderán optar a un premio de ata 60.000€ ao mellor proxecto, co obxectivo de financiar o primeiro ano da posta en marcha do seu proxecto. A actividade formativa incorpora tamén unha bolsa de transporte para financiar o desprazamento das persoas que participen e matrícula e participación totalmente gratuítas.
Os requisitos para participar son estar inscritas/os no Sistema de Garantía Xuvenil. Máis información nos números 981 223 927 - 606 026 202 e en juventud@paideia.es.
As actividades levaranse a cabo en formato presencial.
As persoas participantes poderán optar a un premio de 60.000 euros ao mellor proxecto cooperativista no sector da mercadotecnia dixital.
Abordaranse temáticas como as principais ferramentas tecnolóxicas de negocio, a xestión de redes e de contido, o deseño web, o posicionamento ou as metodoloxías de éxito do modelo cooperativista.