Pantalla para xogar mentres mexas no local de copas

martes, 14 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Os xogos feitos a mantenta para a participación dos borrachos teñen un serio perigo: ó borracho de por si encántalle xogar e sempre pensa que está en boa disposición de facelo. Se cadra nisto precisamente (nunha longa fileira de alcoholizados devecendo por xogar, e mesmo alcoholizándose para xogar) estarán a reflexionar os donos dos locais de copas que estean instalando o Piss-Screen, unha pantalla deseñada por Chirstian Bartsch (da casa Saatchi&Saatchi Alemaña) e que consiste nunha especie de xogo de condución para os usuarios do baño, baseado no Need for Speed. Falando claramente: do que se trata é de tentar mexar de xeito para que o coche que conducimos vaia mellor e acadar, polo tanto, mellor posición no ranking.
En todo momento en que comecemos a perder tino na dirección do chorro, non só perderemos puntos, senón que tamén iremos gañando máis opcións de que nos apareza a seguinte mensaxe: Too pissed to drive? Take a taxi instead. Call 069…” (Ebrio de máis para conducir? Mellor colla un taxi. Chame ó 069...). A idea, que xurdiu logo dun encargo dunha compañía de radiotaxis da cidade alemá de Frankfurt, é mover á reflexión sobre o feito de poñérmonos ó volante baixo os efectos do alcohol.
Visto en Tecnochica.com.

PUBLICIDADE