Parler volve parcialmente

luns, 18 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Tras a expulsión da App Store, a tenda de aplicacións de Google e dos servidores de AWS a polémica plataforma social Parler está parcialmente de volta, limitándose basicamente a unha páxina web na que manifestan ter dificultades técnicas e aseguran que están a traballar para volver á actividade e que poderían estar operativos a finais de mes.
Pero o máis curioso do peche de Parler é que levou a que algúns decidisen facer unha copia dos seus contidos, de xeito que preservouse boa parte do material que acollía Parler, o que dende ProPublica están a aproveitar para manter unha documentación histórica do asalta ao Capitolio, para o que publicaron unha interesante recompilación de máis de 500 vídeos ordenados cronoloxicamente para poder así facer unha reconstrución dos eventos do pasado 6 de xaneiro.
A análise deste vídeos serve para clarexar o nivel de violencia e confusión durante o asalto, á vez que tamén achega unha experiencia inmersiva que axuda a entender como viviron o momento os participantes. Pero do que non hai dúbida é do valor histórico que ten este material audiovisual, polo que o feito de que Parler estea fóra de liña non debería impedir o acceso ao mesmo, xa que pode considerarse de interese público.

Grazas ao traballo de terceiros ProPublica puido elaborar unha escolma de vídeos que permiten ver o asalto ao Capitolio dende o punto de vista dos seus protagonistas

PUBLICIDADE