Participantes no curso sobre iluminación nocturna do CITIC avogan pola eficiencia e a sustentabilidade

martes, 30 de xullo do 2024 S. P.

O estilo de vida actual require dunha gran demanda de enerxía e consumo que fai que a sobreiluminación das nosas urbes sexa un problema cada vez maior, que afecta tanto á saúde humana como aos nosos ecosistemas. Así se puxo de manifesto no curso de verán Novas ferramentas e tecnoloxías para o redeseño da paisaxe nocturna como axente de transformación urbana, promovido pola UDC en colaboración coa Fundación Slowlight e que tivo lugar recentemente no CITIC. As e os participantes na actividade avogaran precisamente por unhas maiores eficiencia e sustentabilidade, e tamén, por tirar máis partido das tecnoloxías intelixentes.
A iniciativa, que xorde do compromiso da Universidade da Coruña coa iniciativa Slowlight asinada o 5 de marzo de 2021, ten como obxectivo promover unha iluminación responsable e reducir a contaminación lumínica. Para iso, no CITIC presentáronse propostas para poder gozar “dunha paisaxe urbana nocturna de calidade, coherente e en harmonía”.
Entre as iniciativas que se expuxeron neste curso destaca o proxecto Gaia4Sustainability, no que colabora o CITIC. Dentro do mesmo, creouse un modelo de brillo nocturno baseado nos datos do satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) e desenvolveuse un fotómetro de baixo custo, chamado FreeDSM, para medir a contaminación lumínica de maneira estandarizada e accesible para a cidadanía, en coordinación entre a Universidade de Barcelona e o CITIC da Universidade da Coruña.
Ademais, no curso curso fíxose saber que o 60% da poboación de Europa non pode ver a Vía Láctea e o 83% da poboación mundial vive baixo os efectos da CL, brillo do ceo en cénit >14mcd/m2 ; é dicir, baixo luz artificial do ceo nocturno. De feito, durante o curso presentáronse novas tecnoloxías para a observación mediante satélite que demostran a evolución da sobreiluminación nas nosas cidades.
Tamén se analizou a iluminación nocturna desde distintas perspectivas. Así, púxose de manifesto que os hábitos das persoas inflúen significativamente na iluminación nocturna das cidades. Cando as áreas urbanas permanecen activas durante a noite debido a actividades comerciais, recreativas ou sociais, aumenta a demanda de iluminación pública. Unha adecuada iluminación non só mellora a visibilidade, reducindo accidentes e facilitando a mobilidade, senón que tamén actúa como un elemento disuasorio contra delitos. Para as mulleres, unha boa iluminación en rúas, parques e estacións de transporte público é crucial, xa que reduce a sensación de vulnerabilidade e o risco de sufrir agresións.
No curso lembrouse ademais que segundo o mapa de Earth at night, España é un dos países da Unión Europea onde máis contaminación luminosa hai e onde se produce un maior gasto na iluminación pública por habitante. Segundo fixeron saber, “as consecuencias deste tipo de polución van moito máis alá da simple imposibilidade de ver as estrelas desde as grandes cidades; este exceso de luz artificial afecta directamente a nosa saúde ao alterar o ciclo natural de luz e escuridade, fundamental para regular o noso ritmo biolóxico e garantir un soño reparador”.
Ademais, os científicos advertiron que esta contaminación non só nos afecta ás persoas, senón tamén a unha ampla variedade de seres vivos, desde plantas ata animais, que comparten a nosa contorna e cuxa existencia se ve ameazada. Para mitigar estes efectos, “é crucial implementar unha iluminación responsable que non implique a renuncia total á luz artificial, pero que si requira sentido común e hábitos sostíbes, mellorando así a nosa calidade de vida e contribuíndo ao aforro enerxético”, tal e como se puxo de manifesto no curso de verán realizado no CITIC. Desta maneira, non será necesario afastarse demasiado da cidade para volver gozar do espectáculo estelar.