Patrimoniogalego.net comezou 2020 aproximándose aos 15.000 bens catalogados

venres, 17 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A plataforma Patrimoniogalego.net, o catálogo social da nosa riqueza inmóbel (un espazo colaborativo e documental para pór en valor os moitos tesouros patrimoniais dos nosos concellos: pazos, casas, cruceiros, fontes, castelos, ingresas, capelas, etc), comezou 2020 reafirmando o seu carácter referencial como a gran base de datos do noso autocoñecemento histórico. O portal, posto en marcha aló polo 2011 co mellor dos impulsos posíbeis (foi quen de superar, aos tres meses de andaina, os 200 bens inventariados), está neste intre poñendo todo da súa parte para acadar a destacada cifra dos 15.000 bens catalogados.
Entre as máis recentes incorporacións figuran as relevantes edificacións históricas de Escornabois (Trasmiras), o Pazo de Santa María de Vigo (en Cambre), o Castro da Touza en A Mezquita ou o Cruceiro de Ponte Goiáns (Boiro). Respecto das novidades tecnoloxías que cada pouco se incorporan á plataforma, á inclusión de fichas de fotogrametrías 3D materializada hai uns tres anos, cómpre engadir outra máis recente: a estrea dos mapas enfrontados, que é unha funcionalidade que permite coñecer a evolución do estado de conservación dos nosos bens a través da comparación simultánea entre as fotografías aéreas de 1956 e a actualidade.
O inicio do proxecto
Como dixemos, o portal Patrimoniogalego.net foi posto en marcha hai case unha década como un Sistema de Información Xeográfica (SIX) aberto a toda a cidadanía, independente e sen ningún ánimo de lucro, dado que ten como único fin “a preservación do patrimonio cultural galego”. Nel teñen participado unha serie de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito desinteresado a partir da creación da plataforma cidadá Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia, xurdida na rede social Facebook a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago.
O equipo orixinario estaba integrado por Milagros Bará, Álex Bragaña, Soledad Felloza, Manuel Gago, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Elixio Vieites, Xosé Gago, Xurxo Salgado e Félix Aragunde.