Patxi Arteche, novo conselleiro delegado de Euskaltel

venres, 2 de setembro do 2016 Redacción

Este mes incorporouse á función de conselleiro delegado de Euskaltel, compañía á que pertence o operador de telecomunicación R, Francisco Patxi Arteche, quen hoxe presentouse nun acto interno aos profesionais do operador galego na súa sede coruñesa, onde reafirmou o seu compromiso con Galicia a todos os niveis nesta nova andaina da compañía.
Francisco Arteche, donostiarra de 51 anos, é licenciado en Enxeñaría Industrial pola Universidade de Navarra en San Sebastián e MBA pola IESE Business School de Barcelona.
Cunha longa e prolífica carreira profesional, leva 20 anos traballando con responsabilidades directivas no mundo tecnolóxico, os seus últimos once anos en Microsoft, empresa líder mundial das aplicacións e do software. Ata o momento da súa chegada a Euskaltel, ocupou o cargo de Director Xeral do Grupo de Canles de Consumo de Microsoft Ibérica, empresa á que se incorporou como Director da División Entertainment & Devices para o Centro e Sur de Europa e, despois, para toda Europa Occidental. Anteriormente, foi Director Xeral de Electronic Arts (EA Software) para España e Portugal, compañía na que traballou durante sete anos.
É membro da Xunta Directiva de AMETIC (Asociación de empresas de electrónica, tecnoloxías da información telecomunicacións e contidos dixitais), membro do ICA (Instituto de Conselleiros Administradores) e foi membro do Consello da Asociación Europea ISFE (Interactive Software Federation of Europe), ademais de executive sponsor dentro de Microsoft no Consello de AECOC (a maior asociación de fabricantes e distribuidores de España) e Presidente da Asociación Sectorial ADESE (Asociación Española de Fabricantes e Desenvolvedores de Software).

PUBLICIDADE