Paulino González Pan, Enxeñeiro do Ano 2017 do COETG

luns, 25 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa, Redacción

Xa vai quedando menos para o que sen dúbida é un dos nosos grandes acontecementos tecnolóxicos anuais, tanto a nivel galego como estatal. Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións, que chega este ano á súa edición XXII e que xirará, tematicamente, arredor das moitas cousas que debemos saber (porque nos atinxen de xeito directo) da ciberseguridade e da protección dos datos e das infraestruturas. A cita, fixada para este venres 29, incluirá como de costume a entrega dos premios que anualmente conceden a Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG), organizador (tamén) da gala. Segundo puidemos saber estes días, as entidades entregaralle ao colega de profesión Paulino González o galardón de Enxeñeiro do Ano 2017.
As orixes deste recoñecemento están na súa “exemplar traxectoria profesional e no seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país”. A isto, engaden o colexio e a asociación, cómpre sumar “o traballo realizado a prol do noso colectivo”.
Segundo lembran os organizadores, a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información terá lugar no recinto de PALEXCO (A Coruña) e estará presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O evento comezará co habitual cóctel-networking, que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta nova edición, amais do galardón de Enxeñeiro do Ano farase entrega das distincións de Socia de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.

PUBLICIDADE