Pavel Durov deixa Francia temporalmente

luns, 17 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O pasado agosto o fundador e director xeral de Telegram, Pavel Durov, foi detido no aeroporto francés de Le Bourget acusado da falta de moderación en Telegram, así como da falla de cooperación coas autoridades en investigacións contra o uso delituoso da plataforma.
Ante esta complicada situación, a política de Telegram mudou radicalmente, e tras prometer a colaboración coas autoridades francesas, mudou a política de colaboración de Telegram coas autoridades, de xeito que a partir de setembro comprometéronse a achegar os enderezos IP e números de teléfono dos usuarios que violen as súas normas (en contraste coa falla de resposta ante as solicitudes de información do pasado).
Nos últimos meses tamén puidemos ver como numerosas canles de Telegram asociadas a distintas prácticas ilegais (como a piratería audiovisual) pechaban a un ritmo bastante acelerado, dando a entender que xa non estabamos ante unha plataforma con barra libre de ilegalidades.
Neste contexto non sorprende que agora Pavel Durov anuncie que xa está de volta en Dubai, tras varios meses en Francia colaborando coa investigación relativa ás actividades delituosas en Telegram. Durov agradece aos xuíces instrutores que permitisen a súa saída de Francia cando as investigacións aínda non remataron, á vez que tamén insiste en que dende Telegram sempre colaboraron coa loita contra os delitos (algo descaradamente falso).
Aínda que non transcenderon os detalles do proceso xudicial, chegou aos medios que Durov está libre da supervisión xudicial entre os 15 de marzo e o 7 de abril, dándose a entender que en abril retomarán a participación de Durov na investigación en curso.