Pechan a canle de YouTube de VOX por infraccións de copyright

martes, 18 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Esta tarde a formación política VOX recorreu a Twitter para denunciar o peche da súa canle de YouTube como «un grave atentado contra a liberdade de expresión e difusión dun partido político», esixindo unha explicación e a rehabilitación da súa conta o antes posible, ao que dende Google responderon asegurando que VOX acumulou 3 infraccións de dereitos de autor, o que segundo as normas da plataforma supón a suspensión da canle.
YouTube normalmente comunica cada infracción de dereitos de autor mediante un procedemento aberto a recurso e a negociación entre as partes (para solicitar a retirada de denuncias), pero cando se acumulan tres reclamacións ou strikes nun período de tempo reducido (3 meses) o bloqueo da conta denunciada é inmediato e non se trata de ningún tipo de censura nin nada semellante, senón que estariamos ante unha simple medida de seguridade para protexer os dereitos de propiedade intelectual.
Dende VOX recoñecen que hai semanas subiron unha canción de Juanes, que eliminaron tras recibir unha reclamación, e aseguran non ter recibido ningún outro aviso e estar a analizar as posibilidades legais coas que contan agora para solucionar a situación.
A conta de YouTube de VOX contaba cuns 158 mil subscritores, polo que o seu peche supón a perda dunha vía de comunicación moi importante, e fontes ligadas a VOX incluso tecen teorías da conspiración asegurando que as reclamacións de copyright contra a canle de YouTube de VOX responden a unha estratexia de denuncias coordinadas por terceiros.

PUBLICIDADE